O punto de partida. O baleiro como motor.
Unha figura familiar esquecida: Jose Antonio Alonso Lourido, o bisavó do director Roi Fernández.
Só tres obxetos: un reloxo, unha fotografía e un disco Victor co título "dramatización del fusilamiento de Ferrer i Guardia".
O reto: facer da ausencia de datos históricos o noso motor de creación documental.
Con estas ferramentas lanzámonos á procura dunha familia galega no NY dos anos 20, á interpretación dun universo no que estaban a florecer, como caras dunha mesma moeda, a sociedade capitalista avanzada e os ideais libertarios dun feixe de homes e mulleres que crían nunha educación neutra, igualitaria e libre de dogmatismos.
O método. Cómo facer un documental a tempo real.
a) a investigación documental.
Durante dous anos viaxamos a NYC, revolvimos faiados e vellas maletas, buscamos documentos nos arquivos, rexistramos entrevistas, percorremos lugares susceptibles de ter aloxado intres da vida cotiá de Pernas, Ramona e Ángel. Ó fin, tiñamos unha cantidade importante de masa documental coa que comezar a modelar a nosa hipótese da historia dos irmáns Lourido.
b) A historia como hipótese.
As historias dos personaxes sen Historia son a miúdo rastros case borrados polo tempo e as circunstancias. O noso interese foi o de crear diferentes posibilidades ou hipóteses flexibles da historia destes emigrantes. Porque pensamos que a Historia nunca é monolítica, senón que se compón de intrahistorias que eventualmente transforma a nosa identidade.
Durante varios meses, os actores e director de ArtesaCía empapámonos de conceptos cuánticos como pluriverso, superposición, estudamos os principios filosóficos do movemento, o acto e a potencia... ó mesmo tempo que traballamos a idea de montaxe cinematográfica nas nosas propostas escénicas.
c) O proceso de creación escénica: Viewpoints e Cine en Directo
Para a fase creativa, incorporamos todo este coñecemento a métodos de Composición e entrenamento Viewpoints, unha linguaxe escénica para crear movemento escénico dende a relación do actor co entorno espacio-temporal que o rodea. ArtesaCía sempre utiliza estes métodos, practicados polos seus membros fundadores coa compañía que os extendeu mundialmente: a SITI Company de NY.
Unha vez creadas as secuencias base, introducimos os elementos tecnolóxicos como ferramentas narrativas. O videomapping e as cámaras en directo serven para crear a noción de Cine en Directo: a composición dunha película a tempo real sobre o escenario, onde os propios actores compoñen planos fílmicos das súas propias accións escénicas.
O obxetivo é que o espectador sexa co-creador activo da peza, pois pode elixir e combinar os niveis de percepción: o escénico, o cinematográfico ou a combinación de ambos.
O produto.
"Balor na acción dunha cadeira" non deixa de retroalimentarse. Do material audiovisual grabado previamente saen secuencias escénicas, que os actores convirten en planos cinematográficos, que xeran accións escénicas.... y así ata o esgotamento!
O produto é, por tanto, un organismo vivo que segue a medrar e contraerse: un teatro fílmico, un documental escénico... O fin e o cabo, a historia non se pode tentar escribir dunha soa maneira.